luns, 6 de setembro de 2021

INICIO DE CURSO 2021-2022

 

Estimadas familias:

Dende a ANPA, dámosvos a benvida neste novo curso escolar 2021-2022.

 

Como todos os anos, seguimos traballando para aportar o que estea na nosa man para toda a comunidade educativa.

 

Así, en primeiro lugar agradecervos a vosa colaboración, FACÉNDOVOS FAMILIAS SOCIAS. Sabedes tamén que cantas máis sexamos, mais poderemos facer. (Instrucións ao final desta entrada)

 

Comentarvos, que o curso pasado concedéronnos novamente a subvención de Igualdade da Secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia, que neste primeiro trimestre traeranos ao cole uns obradoiros dentro do PROGRAMA “MEDRANDO NUN ESPAZO EN IGUALDADE”. Un dos apartados que nos axudou a acadar unha alta puntuación para que nos concederan o 100% da subvención foi o número de socias e socios da ANPA. Haberá unha parte para Escola de Nais e Pais, así que xa vos iremos contando.

 

Seguimos xestionando o COMEDOR ESCOLAR. Este curso temos ao redor de 65 nenos e nenas apuntados que comerán en 2 quendas diferenciadas, seguindo os protocolos COVID. O día 9 de setembro será o primeiro día de cole e por suposto, xa haberá servizo de comedor. Nos próximos días informarémosvos sobre horarios de recollida, monitoras que atenderán o servizo, etc. A información xeral tédela no blog da anpa na parte superior, no apartado de COMEDOR.

LEMBRADE, AO MESMO TEMPO QUE VOS APUNTADES AO COMEDOR, FACERVOS SOCIAS DA ANPA.

 

Este ano solicitaremos a SUBVENCIÓN que acaba de sacar a Xunta de Galicia para usuarias de comedores escolares. Irémosvos informando.

 

Como en anos anteriores seguiremos en comunicación e traballando co Concello e co Cole en favor dos CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS. As obras no peirao ensináronos a moitas persoas que é posible desfrutar de vir ao cole andando, así que propoñemos manter pequenos espazos libres de vehículos que lles permitan aos nosos nenos e ás nosas nenas achegarse ao cole sen perigos. Pensamos que é un pequeniño esforzo realmente importante para a nosa tranquilidade e para a súa seguridade. Para iso, o Concello vai poñer en marcha un espazo BICA E ARRINCA enfronte dos almacéns, onde poder deixar aos nenos e ás nenas e que eles poidan chegar sos, pola beirarrúa ata o paso de peóns da porta do cole, que deberá estar libre de tráfico ou, en caso de coincidir cos autobuses, regulado por persoal da policía local.

 

Sentíndoo moito, ao igual que o ano pasado, seguimos sen ter a capacidade para organizar ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES en tempos de COVID. Iso si, tentamos colaborar co cole e aportar se é posible algunha actividade para todas e todos.

 

E, seguiremos atentas dentro das nosas posibilidades (que ultimamente, por temas de conciliación laboral e familiar das mulleres que estamos formando o equipo directivo son escasas) a aquelas cousiñas que teñan que ver co benestar dos nosos nenos e das nosas nenas e da nosa escola pública.

 

Atentamente a Directiva da Anpa Eume

 

 

COMO FACERVOS SOCIAS OU SOCIOS DA ANPA

 

A través do seguinte enlace para acceder ao formulario para o curso 2021/2022

 

https://forms.gle/cuXhS8GgExvznKhB6

Unha vez cuberto o formulario, o ingreso da cota da ANPA (12 euros por familia e curso escolar) farase na conta ES27 2080 0201 9030 0005 1274 da ANPA EUME.

Ao facer o ingreso lembrade poñer o nome e apelido dun dos alumnos ou das alumnas.

ESTE ANO MÁIS QUE NUNCA, GRAZAS POR FORMAR PARTE DA ANPA DO NOSO COLEXIO

Se non tedes acceso a internet poñédevos en contacto con nos para facilitarvos un formulario en formato papel.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario