luns, 31 de marzo de 2008

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

O vindeiro Mércores 2 de Abril, celebrarase no Colexio a Xornada de Portas Abertas, para que aqueles pais, nais, avós, avoas .... interesados poidan visitar as instalacións do novo colexio.

Dende a ANPA unímonos a esta celebración e invitamos a todas aquelas persoas interesadas a visitarnos no noso despacho que é a primeira porta á esquerda (unha vez pasados os aseos).

O horario das visitas será de 16:00 a 18:00

ESTADO DAS OBRAS DO NOVO COLEXIO

Dende que comezaron as clases no edificio novo do Couceiro, dende a ANPA fomos observando cousas que non nos remataban de convencer e as anotábamos á espera de poder transmitirllas ó equipo diretivo do centro.
Esta mañá tivemos a oportunidade de falar con Natalia (a directora) e por fin, poidemos sacar algunha cousa en claro.
Unha das cousas que máis nos inquedaban era o estado no que se atopa o patio dianteiro (que cando esté rematado o proxecto será un xardín), e no que agora están "tirados" os xoguetes do patio de Educación Infantil. A explicación que recibimos foi que resulta que o interior do Colexio queda agora máis baixo que a calzada exterior, polo que é imposible que as augas saian por sí mesmas, así que están agardando que o Concello salocione o problemas colocando unhas arquetas de desaugue.
Outra cousa pola que agardan polo Concello é a que coloquen os tobogáns dos nenos e nenas de Educación Infantil, para que os obreiros poidan proceder a colocar o piso de corcho no patio de recreo dos máis cativos.
Outra procupación que temos, desgraciadamente este non é nova, é que nestes intres, tan só hai unha limpadora polas tardes que limpa o piso superior (a outra está novamente de baixa). Xa nos puxemos en contacto có Concello e comprometeuse a enviar a outra persoa para facer labores de limpeza no piso inferior. Afortunadamente, a persoa que está a exercer as labores de conserxería é Berta, que anteriormente estivo en Educación Infantil, e a pesares de non ser xa o seu cometido, está sempre pendente de que os aseos e as instalacións de Educación Infantil estén perfectamente limpas. Gracias Berta pola túa dedicación cós nosos nenos e nenas.
Por último, dicir que o patio traseiro estará rematado ó longo desta semán, posiblemente mañán.
En fin, que seguiremos pendientes de todas as cousas que poidan xurdir e de se hai novidades nestes temas que seguen pendentes, pero lembramos que se alguén ten algún problema ou ve algo que non lle guste, por favor, que non dubide en dicilo.


xoves, 27 de marzo de 2008

HORARIO DA ANPA

O noso horario de atención a nais e pais de alumnos de momento será o mesmo que viñamos a ter, é dicir, os Luns de 15:45 a 16:45 e os Mércores de 16:00 a 17:00.
Lamentamos ter que rectificar tan pronto, pero non nos vai ser posible atender ós pais en horario lectivo, polo menos de momento.
Pedimos disculpas polas molestias que se poidan causar e animamos a todos a que nos visitedes no noso novo "Local Social", estamos na primeira porta á man esquerda (despois de pasar os aseos), non ten moita perda, pois temos un letreiro identificativo na nosa porta.

O NOVO COLEXIO

Despois de pasado o segundo día de entrada no novo colexio, hai varias cousas que non nos gustan demasiado e que pensamos deberan solucionarse.
É ben certo que o tempo non está a axudar, pero certamente, o acceso á entrada é estreito, e cando están todos os nenas e nenas de Primaria (e os seus pais e nais) agardando a que se abra a porta para poder entrar, a única maneira de acceder á entrada de Infantil é polo medio da lameira que algún día será patio de recreo (e despois xardín). Haberá que pensar algunha solución, porque de momento é bastante incómodo acceder a Educación Infantil, pero se non se pon remedio agora, tememos que cando se queira poñer un xardín no vai durar nada, porque haberá que atravesalo para pasar (e lembramos que agora hai menos tránsito hacia a zona de Educación Infantil porque os nenos e nenas de 4 anos entran pola porta principal).
Por outra banda, parece ser que está habendo problemas no transporte escolar, con nenos que non teñen espazo e non os deixan subir ou mesmo nenos que teñen que ir de pé no bus, cousa que creemos intolerable polo risco que conleva.
Agardamos poder falar có equipo diretivo o antes posible para ver qué solucións se poden poñer a estos primeiros atrancos e que queden resoltos o antes posible.

martes, 25 de marzo de 2008

PARÓN NAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES

Pois aínda que o cambio segue adiante e os nenos e nenas estrearán mañá o novo edificio do Couceiro Freijomil, as cousas distan moito de estar rematadas totalmente, tanto é así que a estas horas hai un enxame de obreiros, mestres colocando as súas cousas e limpadoras que fan case imposíbel o tránsito polo colexio.
Visto isto, dende a ANPA decidiuse suspender as Actividades Extraescolares que se tiñan que comezar a impartir nas instalacións do novo colexio durante esta semán e máis a que ven. É dicir, que non haberá clase de Pintura, Inglés (pequenos e maiores), Música, Contos, Coro e Educación Vial ata a semán que comenza o día 7 de Abril.
Lembramos que Informática (pequenos e maiores) e Xogos Populares non se ven afectadas por estas obras, polo que se seguirán impartindo con toda normalidade en FOREMDES e no IES Fraga do Eume.
Lamentamos moito os inconvintes que se poidan causar, pero as actuais condicións do colexio non nos parecen as máis axeitadas para que os rapaces anden por alí nas tardes, xa que hai que lembrar que a estas horas os obreiros seguirán traballando mentras non se remata o edificio.
Confiamos en que no menor tempo posibél poidamos reanudar as clases sen máis atrancos.
Grazas de novo pola vosa comprensión e paciencia.

NOVO HORARIO DA ANPA

Tras o cambio de Edificio, por fin recuperamos un despacho propio e podemos voltar ó antigo horario de atención a pais e nais.
Como aínda nos están totalmente rematadas as obras, e non podemos dispoñer de moito espazo, para molestar o menos posible, as Actividades Extraescolares se realizarán no noso despacho, polo que o horario de atención a pais e nais será exclusivamente de mañá.
Estaremos encantados de atendervos no noso despacho os Luns e os Mércores dende as 8:45 ata as 9:45, onde se atenderán cobros, dúbidas ou calquer outro problema que poida xurdir.

martes, 18 de marzo de 2008

XUNTA XERAL

Dende a Xunta Diretiva da ANPA, gustaríanos agradecer a asistencia á Xunta a todalas persoas (tanto socios coma non socios) que se achegaron o Xoves pasado respostando á nosa chamada.
A pesar de que foron moitas as persoas que asistiron, lamentamos dicir que tan só houbo unha persoa que se interesou por prestar axuda nas labores de Dirección da ANPA.
Lembramos que este ano, Andrés debe cesar no seu cargo de Presidente o que nos deixa nunha situación precaria, xa que non somos suficientes nin para encher a lista de cargos de Xunta Diretiva.
Agardamos que tralas vacacións apareza algún voluntario en resposta á nosa chamada e tamén agardamos que nos vindeiros cursos aumente a cifra de socios, xa que 53 socios de case 300 alumnos que hai no Centro, é unha cifra do máis ridícula, o que repercute negativamente, xa que nos ven coma unha ANPA débil e tenden a intentar pasar por riba de nós.
Pregamos a vosa reflexión sobre este asunto, e voltamos a repetir que non hai que ter medo de implicarse, xa que o traballo non é tanto se o repartimos axeitadamente, e os beneficios para os nosos nenos e nenas serán maiores se acadamos unha ANPA forte e unida.
Grazas de novo e disfrutade dos días de lecer.

xoves, 13 de marzo de 2008

XA CHEGA A PASCUA

Onte foi un día moi especial para os nenos e nenas que asisten á actividade de Xogos Populares.
Como xa ven sendo tradición, o derradeiro día de clase antes das vacacións de Semana Santa, o Coello de Pascua fai unha visita ó noso Colexio e esconde oviños de chocolate para que os nenos e nenas os atopen.
Houbo moitos nervos, e índa que non todos atoparon os que querían (normalmente máis dos convenientes), todos pasamos un bó rato na procura dos ovos de Pascua....e unha vez rematada ésta, disfrutando do premio acadado.

martes, 11 de marzo de 2008

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES

Infórmase que, a pesar da inminente mudanza ó novo Centro, as Actividades Extraescolares que se viñan a realizar en FOREMDES e no IES Fraga do Eume seguirán a se realizar alí.
Esto se debe a que nun principio non estará operativa a Aula de Informática do Couceiro, polo que ata novo aviso, as Actividades seguirán realizándose onde ata agora.
Outra cousa son as que se realizaban no edificio de Primaria, que pasarán a desenrrolarse no novo Centro.

sábado, 8 de marzo de 2008

XUNTA XERAL DA ANPA

Informase a todos os socios e socias e tamén a todas aquelas persoas que estén interesadas, que o vindeiro Xoves día 13 de Marzo ás 16:00 terá lugar a Xunta Ordinaria na aula de J.L. Quinte.
Os temas a tratar serán os seguintes:
  • Traslado ó novo Centro
  • Situación das Actividades Extraescolares despois do cambio
  • Elección da nova Xunta Diretiva
Rogamos a asistencia a todos, xa que estamos nunha situación delicada debido á marcha dalgún membro da Xunta Diretiva e fai falla xente que quera implicarse no bó funcionamento dunha Asociaión tan importante como é unha ANPA nun colexio