xoves, 29 de abril de 2021

MODIFICACIÓN DE ENTRADAS E SAÍDAS POR MOR DAS OBRAS NO PEIRAO

 Compartimos información publicada polo Centro.

Estimadas familias,

Debido ás obras que se están levando a cabo no peirao de Pontedeume e ao seu inminente avance, nos vindeiros días e ata final de curso quedará limitado o acceso ao centro a través dun espazo moi reducido. As novas zonas de espera que se nos propuxeron con ese avance das obras serían unicamente a beirarrúa que está pegada ao peche da escola e a pasarela de madeira en voladizo sobre o mar. En datas pasadas, tanto a ANPA como a dirección do centro vimos de amosar a nosa preocupación pola solidez da citada pasarela de madeira. Por outra banda, tamén manifestamos a nosa inquedanza con respecto a eses pequenos redutos de espera xa que, como todas e todos sabemos, as recomendacións sanitarias actuais no contexto da Covid-19 van na liña de evitar aglomeracións e concentracións de xente.

Durante todo o curso, e en especial nos últimos meses e  semanas, tanto a ANPA como a dirección deste centro non deixamos de traballar e esixir unhas condicións para a entrada e saída á escola seguras e accesibles. Días atrás, solicitamos ante a Xefatura Territorial de Educación unha autorización con carácter excepcional para o acceso das familias de E. Primaria ao recinto escolar, que polo Protocolo Covid non estaba permitido. Con esta data podemos xa confirmar que acabamos de recibir esta autorización, polo que as familias de EP poderedes acceder no momento da saída dentro recinto escolar a un espazo debidamente delimitado, sempre en zona exterior e sen supoñer isto o acceso ao edificio escolar.

Desta forma as entradas e saídas quedarán da seguinte forma:

ORGANIZACIÓN DE ENTRADAS E SAÍDAS DO ALUMNADO DE EP NON TRANSPORTADO POR MOR DO AVANCE DAS OBRAS DO PEIRAO:

ENTRADAS:

A partir do 29 de abril, o portalón de acceso para o alumnado de 4º, 5º e 6º de EP volverá a ser o portalón do lado do pavillón.

O alumnado de 1º, 2º e 3º de EP e o alumnado de EI entrará polo portalón principal como de costume.

Haberá sinalizados camiños de entrada e saída pola beirarrúa paralela ao peche de cristal do colexio para facilitar a circulación.

SAÍDAS 

A partir do 29 de abril, logo da autorización da Xefatura Territorial de Educación, as familias de EP poderán entrar ao recinto escolar segundo se recolle no plano que podedes ver no seguinte plano:



De tal forma, as saídas do alumnado de EI non sufrirá alteracións.

As familias de 1º, 2º e 3º de EP entrarán ao recinto de herba delimitado a través do portalón principal a partir das 13.30h. O alumnado sairá respectando os horarios de inicio de curso: 1º EP ás 13.35h, 2º EP ás 13.40h e 3ºEP ás 13.45h.

As familias de 4º, 5º e 6º de EP entrarán ao recinto de herba delimitado a través do portalón do pavillón a partir das 13.30h. O alumnado sairá respectando os horarios de inicio de curso: 4º EP ás 13.35h, 5º EP ás 13.40h e 6ºEP ás 13.45h.

Para a boa marcha desta medida tan excepcional serán moi importantes varios aspectos:

- se non tedes que agardar por máis nenos/as, rogamos abandonedes o recinto polo camiño indicado o antes posible

- chegade á hora exacta da recollida, nin antes nin despois.

- mantede as distancia de seguridade.

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!

mércores, 21 de abril de 2021