venres, 5 de novembro de 2021

AVISO PARA AS SAIDAS E ENTRADAS DO COLE DO LUNS 8 DE NOVEMBRO

 Comunícanos o Concello que o próximo luns 8 de novembro, haberá tránsito continuo de formigoneiras por diante do Centro Educativo,  por mor das obras no tanque de tormentas que se están levando a cabo na zona do Club Firrete.

Con este motivo, e tal e como nos transmiten tamén dende o centro a través do Abalar, é importante que todas e todos extrememos as precaucións ese día pola seguridade das nosas nenas e dos nosos nenos.

Teñamos tamén paciencia polas complicacións no tráfico que se poideran xerar.


martes, 2 de novembro de 2021

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR.

O próximo MARTES 23 DE NOVEMBRO levaranse a cabo no colexio as eleccións ao Consello Escolar. 

Un pai, Miguel Brozos e unha nai, Lydia Galán, continúan representandonos a pais e nais e, renóvanse os postos de Vanesa Rodriguez como representante da ANPA e Maria Calvo como terceira representante de nais e pais. Ao mesmo tempo cubrirase de novo a praza que quedou vacante pola ausencia de substitutas cando hai 4 anos unha das representantes cesou no seu cargo sen suplentes en listas.

Animádevos a participar. É moi importante que toda a comunidade educativa teña representación no Consello Escolar.

NORMATIVA E PROCEDEMENTO

Reproducimos a continuación o texto asinado pola presidenta da Xunta Electoral, Rosalía Iglesias Carrillo en Pontedeume, a 2 de novembro de 202.

 De acordo coa Resolución do 20 de setembro de 2021 da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se establece e calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG do 29 de setembro), a Xunta Electoral deste centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, SECTOR DE PAIS E NAIS DO ALUMNADO, segundo as seguintes normas:

  1.- De acordo co disposto no Artigo 41 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21), redactado conforme ao establecido na disposición adicional terceira 1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), corresponde elixir no presente proceso electoral a 2 PAIS/NAIS DUN TOTAL DE CINCO que debe ter o Consello Escolar.

 2.- Son electores todos os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais do alumnado matriculado no centro e incluídos no censo correspondente que a partir do día 2 de novembro estará exposto no taboleiro de anuncios. As reclamacións ao referido censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 13.45 horas do día 11 de novembro.

 3.- Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na secretaría do colexio. As CANDIDATURAS poderán ser presentadas DESDE O DÍA 4 DE NOVEMBRO ATA AS 14.00 HORAS DO 11 DE NOVEMBRO.

 4.- O SORTEO DOS MEMBROS DA MESA ELECTORAL realizarase en acto público, entre os pais e nais que non se presenten como candidatos/as, o día 15 DE NOVEMBRO, ÁS 09:00 HORAS. A dita mesa electoral estará composta pola directora en funcións/xefa de estudos do centro, que actuará como presidenta, e catro pais/nais ou titores legais, actuando de secretario/a o/a de menor idade.

 5.- A CAMPAÑA ELECTORAL comprenderá DESDE O 16 AO 21 DE NOVEMBRO, ambos días inclusive. As dependencias e servizos do centro estarán a disposición das persoas candidatas, previa petición á presidenta da Xunta Electoral, sempre que o seu uso non altere o normal funcionamento educativo do colexio. O día 22 de novembro, véspera das votacións, non se poderá facer campaña electoral.

 6.- Poderán actuar como supervisores/as da votación os/as pais/nais ou titores/as legais do alumnado matriculado no centro que sexan propostos/as pola ANPA ou, no seu defecto, que estean avalados/as cando menos pola firma de 10 electores/as.

 7.- As VOTACIÓNS realizaranse neste colexio público o día 23 DE NOVEMBRO, DE 17.00 A 19.00 HORAS. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás 16.45 horas.

 8.- Na PAPELETA DE VOTACIÓN cada elector/a fará constar un MÁXIMO DE 1 NOME DOS CANDIDATOS/AS presentados/as, debendo acreditar a súa personalidade á hora de votar, mediante exhibición do DNI ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegable e non se admitirá o voto por correo.

 9.- Teñen dereito ao voto o pai e a nai, se é o caso, o/a titor/a legal do alumnado.

 10.- Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para o seu envío á Xunta Electoral do centro.

 11.- A Xunta Electoral do centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

mércores, 27 de outubro de 2021

mércores, 13 de outubro de 2021

xoves, 30 de setembro de 2021

PATIOS COEDUCATIVOS


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

QUE FARÁ A COMISIÓN DE PATIOS?. Durante 4 tardes dos mércores do mes de outubro desenvolveranse 4 obradoiros dirixidos a nais, pais e profesorado, incluídos no programa Medrando nun espazo en Igualdade (actividade para a promoción da igualdade a través dunha subvención que solicitamos o curso pasado,  con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.). Neses obradoiros analizaremos entre todas e guiadas por Rexenerando o patio onde xogan os nosos nenos e as nosas nenas, explicarannos que son os patios    coeducativos e tentaremos entre todas as persoas participantes, imaxinarnos un novo patio con propostas que se podan levar a cabo e coas aportacións, por suposto, do alumnado.

 

 

domingo, 19 de setembro de 2021

4 NOTAS IMPORTANTES

 

01. COMO ASOCIARSE Á ANPA

1.- CUBRIR O FORMULARIO

Podedes acceder ao formulario a través do enlace

https://forms.gle/cuXhS8GgExvznKhB6

que temos colgado no noso blog http://anpacouceiro.blogspot.com/ que tamén vos aparecerá tecleando anpaeume bolgspot no voso    buscador, ou escaneando este código QR

 2.-PAGAR A COTA de 12 € por familia e ano na conta ES27 2080 0201 9030 0005 1274

 Ao facer o ingreso lembrade poñer o nome dun dos alumnos ou das alumnas

 

02. COMISIÓN DE PATIOS

QUE É A COMISIÓN DE PATIOS?: É un grupo de nais, pais e profesorado que durante 4 tardes dos mércores do mes de outubro xuntaranse en 4 obradoiros incluídos no programa Medrando nun espazo en Igualdade (actividade para a promoción da igualdade a través dunha subvención que solicitamos o curso pasado,  con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero) para analizar entre todas e guiadas por Rexenerando o patio onde xogan os nosos nenos e as nosas nenas. Nestes obradoiros explicarannos que son os patios coeducativos e tentaremos entre todas as persoas participantes, imaxinarnos un novo patio con propostas que se podan levar a cabo, coas aportacións, por suposto, do alumnado.

BÚSCANSE: Nais ou pais interesadas en asistir a estes obradorios e formar parte da comisión de patios.

TEMPO A INVERTIR: mércores de outubro de 16.30 a 18.30 hrs – e o logo, o tempo que cada quen queira adicarlle a pensar-.

FORMATO: Aínda por determinar. Online ou presencial dependendo do número de persoas e protocolos COVID.

PARA APUNTARSE OU MÁIS INFO: Envíanos un mail a          anpaeume@gmail.com ou whatsapp a 650467871. Deixanos o teu nome e número de  teléfono e poñerémonos en contacto contigo.

 


03. POR QUE ASOCIARSE

A ANPA é un órgano fundamental de participación e de comunicación das familias na comunidade escolar.

Durante o curso pasado e durante o verán traballamos para sacar adiante o servizo de  comedor.

Coas vosas aportacións, ofrecímoslle ao alumnado uns espéctáculos de música e malabares a final de curso.

Temos en marcha uns obradoiros con actividades para a promoción da igualdade a través dunha subvención que solicitamos o curso pasado.

Reunímonos coas distintas administración para tratar os temas que van xurdindo. (Obras, tráfico… etc)

Queremos acadar xunto co centro educativo e coa imprescindible colaboración do Concello uns camiños seguros para o acceso ao cole do alumnado;

E, na medida do posible, tentamos estar atentas ás    necesidades ou preocupacións das familias.

 

 04. IMPORTANTE

RELEVO DA DIRECTIVA DA ANPA

Á actual directiva da ANPA non nos vai ser posible continuar o próximo curso o traballo que levamos desenvolvendo como voluntarias nestes últimos anos, polo que necesitamos urxentemente persoas interesadas en coller o relevo ou cando menos algunha das responsabilidades, entre elas a XESTIÓN DO COMEDOR.  Se a alguén  lle apetece  formar equipo, podedes poñervos en contacto con nos  para poder organizarnos con tempo.